|
Fernando Fábio Fiorese Furtado (1963) é xa un poeta consolidado
dentro da actual poesía brasileira e, como tal, non é un
descoñecido noutras areas estranxeiras onde ten sido divulgada
súa poesía, entre elas no Estado español. Por tanto,
non é unha novidade seu nome. Si o é, agora, o seu novo
libro de poesía, titulado: Dicionário mínimo, publicado
por Nankin Editoral. Digamos antes de máis, deste poeta, que é
doutor en Semioloxía pola facultade de Letras da Universidade Federal
de Río de Xaneiro. Este detalle académico afórranos
de entrar en reiteradas precisións sobre os seus rexistros poéticos.
Concordamos con Iacyr Anderson Freitas, prologuista deste poemario, en
que o que neste libro se ten inventariado é unha abordaxe demarcada
dentro dun contexto significadamente profesional. Iacyr, subliña
o seguinte: "Assalto literalmente poético, diga-se de passagem,
em tudo capaz de demarcar, lado a lado com a natural vocação
filológica dos dicionários, os campos de referência
à própria linguagem".
Neste asalto e concorrencia establécense varias abordaxes e estructuracións
vindas dunha linguaxe refinada e innovadora. Mais estes adxectivos pouco
nos determinarían se non intentamos entrar, parcialmente, noutra
dimensión do que se concreta neste Dicionário mínimo.
Cando utilizamos a palabra concreto estamos parcelando a súa lectura
na que non se verifican sofismas.
En si, non falamos mais que dun libro de vinteseis poemas. Cada un deles
responde a cada unha das letras que compoñen o diccionario. Un
libro destas dimensións estilísticas concorre en certa tendencia
á prosa poética.
Mais as liñas que marcan a forma veñen determinadas por
esa potencia imaxinativa que Fernando Fiorese soubo imporlle sentimento
e impacto. El ten unha enorme capacidade para suxerir que os seus versos
poden explicarse, noutra dimensión, sen o matiz clásico
da palabra. Mais no principio é a palabra a que expresa diversas
formas de beleza para que o sentimento do receptor fixe seus encantos
nunha apaixonada viaxe cósmica guiada por Fernando Fiorese, creador
dunha nova lei harmónica en súa precisa proporción.
Estamos ante un libro para contemplar os obxectos e poder meditalos e,
tamén, confirmalos en varios aspectos existenciais. Estamos ante
un diccionario que nos confina nas particularidades máis esenciais
do que se presenta neste temario. Isto non quere dicir que nos poña
en aviso sobre diversas eventualidades, senón que o lector predispón
de todo un concerto de obxectos contempla-dos nos que se particulariza
unha diversidade de conceptos estructurais.
A letra g está dedicada ao "galo", e del di: "Dos
galos, apenas o carijó. Parcimonioso nas cores. Discreto/ - o que
é raro num galo. Quando parado, uma tela tachista à/ procura
do zero da ex-pressão. Em movimento, múltiplos dados/ lançados
ao acaso, cintilações num lago turvo, camufla-gem/ precisa
para um mundo preto-e-branco".
Despois de ler estes versos pode que se nos pase pola cabeza de pensar
que estamos ante un autor intelectualizado que nos leva a un circuíto
hermético. Non é isto.
Estamos ante un enorme intelectual e constructor dunha palabra virtuosamente
libre, capaz de facer significar dun obxecto varios substratos diferenciadores
dentro dun corpo que xa non podemos percibilo como un todo. Nisto está
a grandeza deste poeta que non lle basta soamente co gran dominio que
posúe da palabra senón que a utiliza, a mais, como vehículo
de transcendencias filosóficas. Concordamos co que dixo Coleridge,
neste mesmo sentido: "Non houbo nunca un gran poeta que non fora
ao mesmo tempo un profundo filósofo".
Rematemos coa letra r que esta destinada a referenciar a palabra "rumor":
"Houve tempo em que era adorado como deus das pequenas coisas./ Então
encolheu até um verso de Emily Dickinson, sob pseudônimo''.
A filosofía esta proclamada nestes poemas que non deixan de florecer
primaveras de exuberante beleza.”
In
Galicia Hoxe, Galicia/España, 24 feb. 2004
http://www.galicia-hoxe.com/periodico/20040224/Opinion/N26214.asp
|